derrotas domésticas
debeu ser moi difícil
degolar as anguías
sen cortar os dedos
arrandearte para que non te cubrisen
as escamas do ollomol
liscar do nó corredío das sabas
nas noites opacas
que batallas contra os garavanzos
medrando disformes na auga que absurda tarefa
escoller lentellas de arroz
que impotencia
cando o leite fervido vai por fóra
inevitablemente
e se o batifundo das tixolas
non che deixaba oír a música
se o teu francés e alemán
eran inútiles contra a graxa nos fogóns
se os tubos de auga berran como nenos
ou gaivotas e as patacas se pegan
no fondo da tarteira
nai
como é que estás sorrindo nas fotos?
(Catálogo de Velenos, 1999)
coitelos
afiados soamente
contra cebola e pataca
que doutros inimigos
non sabemos
coitelos follas
escintilantes arredor da casa
gumes polos que algúns días
saltimbancos ebrios de fatiga
camiñamos cos pés nus
o sangue no coitelo
é só teu só meu
un erro cometido
ó cortar o pan
non é
sangue do último dragón
nin outorga poderes máxicos
gárdate de lamber o meu sangue
no coitelo
no canto de oír os pensamentos
podes mancar a lingua
ben sei do que falo
paguei o prezo de probar o sangue
coa lingua partida
(Catálogo de Velenos, 1999)
o labirinto do bambú
desconfía
do labirinto de bambú
hoxe cana lanzal mañá barrote
da súa multitude de espeques
(Catálogo de Velenos, 1999)
Hai tempo foron usadas
para beber o sangue do pai,
a asa torta certifica a ruíndade,
garfo no toco, man incompleta.
Esquecida a cerimonia atroz,
nestes días a penas queiman gorxas.
(Olería de Buño, Catálogo 1998)
haikus do Courel para Novoneyra
país, esquivo amante,
inalcanzable
áspera cerna.
Non ousas, faia,
ceibar da simetría
follas captivas?
Dovesa de Rogueira:
miden os grilos
estes meus versos.
levanta as saias,
vento nordés,
ispe os adxectivos.
perpetra a araña
labirinto de chuspe:
trampa ou poema.
(Abecedario de árbores, 2006)
o territorio da cociña
parte chimpan en fondos caldeiros
parte estrala nos espetos; o cuarto pinga sangue
Metamorfoses, VI, 645-646
a cociña foi decretada
o teu territorio
para que nela gobernases
a xeometría das patacas
o aliñamento das tixolas
o estricto calibre da fariña
ninguén disputa a Progne
o adubo dos anacos de seu fillo
antes de espetalos no asadeiro
para uns vinganza contra Tereo
para outros signo de hospitalidade
entón contra quen tomar a requesta
se tes as mans anoadas nos panos de mesa
os cortes nos teus dedos son testemuñas de amor
a cebola e nada máis a causa das bagullas
ti mesma levantaches espeques con garfos
cando amorosamente piques en anaquiños os teus dedos, as túas orellas
rustríndoos con prixel e ourego
cando mestures o sangue co amoado das filloas
non deixes de situar no medio da fonte os delicados peitos
de adubar o sexo con especias
ao teu xeito, a cociña
é o teu territorio, o teu reino
(Mudanzas, 2007)
as debandadoras de seda
dedos como vermes
das debandadoras de seda en Suzhou
é a auga quente a que engurra a pel
suave como auga
as coxas dunha rapaza de trece anos
suave como o sangue
do decrú
Yes, Mister, she is a virgin
as debandadoras matan os vermes da seda
arrolándoos na auga fervendo
con agarimo
antes de debandar o fío
dous mil chi de fío nun casulo
cen dólares
para mercarlles aos pais unha rapaza
en Cheng-Mai
logo que o verme morre
nun delirio de calores
cómpre debandar o fío axiña
apurar, apurar, en poucos minutos
antes de que a podremia lixe a seda
estrague a súa brancura
neste clima dos trópicos todo acontece rápido
a madureza das mulleres
ten dezaseis anos, xa non é unha nena
non vale ese prezo
o verme da seda
corroído por unha fame ancestral
en poucas semanas
devora cincuenta mil veces o seu peso
nalgures, as debandadoras comen os vermes
corroídas pola fame
ou lembranzas da fame
nalgures, pola fame
cincuenta mil rapazas
devoradas polo comercio sexual
nalgures, corroídos desde dentro
homes que comercian coa carne
como vermes
o verme da seda
ennobela as súas babas
cisma oitos sobre oitos de fío
leve mortalla da que non sairá voando
oitos deitados, un tempo infinito
fío negro debandado polas parcas
infinitas as baballas do estranxeiro
sobre a túa lingua de nena
tradeando nun corpo miúdo
todo un continente
riscando de novo na pel
as fronteiras dun imperio
descomposto
A Pauline Khng
(escrito para o primeiro Implícate en 2006, e publicado en Vanakkam Benvidas, 2007; en 2016 en Desescribindo)
as cordas do violín
repara:
as cordas do teu violín
arricáronas das miñas tripas
para os cabos do mi
usaron tres cordas vocais
entregadas en troco
de dúas pernas
como todo no corpo das baleas
o catgut é versátil
pode vibrar creando
complexa harmonía
ou enfiado
suturar o corte
da cirurxiá
(Desescribindo, 2016)
o dragón de San Xurxo desde fóra do canon
tiráronnos do santoral
do libro con cantos dourados
por non sermos
santos verdadeiros
escorrentáronnos
cara ao limbo
facendo sitio
aos canonizados recentes
(nunca tantos
con tal apuro)
sen permitirnos sequera
agardar nas marxes
por tempos mellores
isca Xurxo
e cabalo, borrado
o nome polo que me chamaba
fóra do canon
nesta barranca da Capadocia
natal compartimos
pan e olivas
con Aladino, o falso Turpín,
Cristovo, Alí Babá, Catarina,
Simbad,
en boa compaña,
palimpsesto a palimpsesto,
sobrescribimos en papiros reciclados
fermosos evanxeos apócrifos
(Desescribindo, 2016)