Mulleres encabezando listas: non era sen tempo

Seis mulleres comprometidas co feminismo encabezan candidaturas para as eleccións xerais na provincia de Pontevedra: Alexandra Fernández, da Marea de Vigo, por En Marea, Carme Adán, deputada do BNG, por Nós-Candidatura Galega, a xuíza Lola Galovart polo PSdG-PSOE, a música Marina Quintillán por Comunistas da Galiza, a mestra Pastora Fernández por Recortes Cero-Grupo Verde, e a profesora da Escola Superior de Arte Dramático Alejandra Montemayor, polo PACMA. A estas habería que engadir unha sétima muller, a quen non considero feminista, a ministra de Fomento Ana Pastor, polo PP. Só tres das dez listas levan un home no primeiro posto.

Por fortuna estanse superando na práctica as escusas usadas até hai ben pouco para xustificar a ausencia de mulleres na vida pública ou na política. Retrousos como “quen máis vale” ou “quen ten máis méritos” que implicitamente viñan dicir que non había mulleres con valía pra ser candidatas, e que todos os homes estaban nas listas por méritos e capacidade (hai exemplos abondo de que isto non é certo). Non era sen tempo.

Con toda probabilidade catro destas mulleres, que teñen méritos de máis, serán deputadas no parlamento español despois do 20D. Alexandra Fernández (que sería a miña opción, se eu votase en Pontevedra), a candidata número 1 máis nova, tanto das listas de Pontevedra como de En Marea, é unha muller que vén do 15M, desa xeración que se está incorporando á política coas mareas, no seu caso a de Vigo. Arquitecta, traballando nun proxecto fin de carreira sobre urbanismo e participación cidadá, é activa tamén na vida cultural e reivindicativa da cidade, por exemplo a través da Asociación Cultural Bou Eva.

Carme Adán é a cabeza de lista con máis experiencia parlamentaria de Nós-Candidatura Galega. Antes de ser deputada no parlamento galego, onde defendeu numerosas iniciativas relacionadas cos dereitos das mulleres, foi profesora de filosofía, presidenta da Aula Castelao e Secretaria Xeral de Igualdade durante o goberno PSdG-BNG, secretaría desde a que iniciou programas a prol dunha igualdade real.

Lola Galovart ten unha longa traxectoria que vén desde a loita clandestina na ditadura franquista. Participou na fundación das organizacións feministas galegas, como Alecrín, exerceu nun despacho de avogadas especializadas na defensa dos dereitos das mulleres, foi Vicevaledora do Pobo, posto do que dimitiu en 2012 a raíz das declaracións do Valedor Benigno López nas que criticaba a Lei de Dependencia e xustificaba os recortes.

En canto a Ana Pastor, sobra dicir que as miñas posicións non poden estar máis lonxe das súas, porén considéroa a mellor e máis capaz dos candidatos que presenta o PP nestas eleccións.

Quero subliñar o compromiso feminista de seis destas mulleres, pois o importante non é unicamente o equilibrio nas listas, ou que estean encabezadas por mulleres, senón o enfoque feminista, o compromiso coa igualdade, a loita contra a violencia machista e a discriminación. Queremos a metade do ceo, si, mais tamén a metade da terra e do mar.