Foto: Miguel Taboada
Marilar Aleixandre
(María Pilar Jiménez Aleixandre, Madrid 1947)
Teño saudades de todas as cidades e vilas nas que vivín: Ceuta (o limoeiro de lúa que tiñamos no patio); Doña Mencía (ir comer figos ao romper a alba con meu pai); Madrid (o cineclube de Areneros, onde vin por vez primeira «Freaks»); Vigo (as mimosas en flor en decembro); Santiago de Compostela se algún día marchase, e ata outras cidades nas que nunca ou só brevemente vivín: Donostia, Perugia, Boston. Debido a Ramón Facal teño unha relación especial con Toba, Cée e coa Costa da Morte onde están situados moitos dos meus libros como «A formiga coxa» ou «Lobos nas illas», e pertencín ao Batallón Literario da Costa da Morte. Despois formei parte do consello editorial de Letras de Cal, e agora pertenzo ao da revista Grial.
Tiven a sorte de recibir unha esmerada educación rockeira asistindo a «Caravana» de Ángel Álvarez a finais dos 60; entre semana estudaba bioloxía e cheguei a ter unha relación bastante intensa cos escaravellos. Nos 70 comecei a ensinar ciencias, e puiden mercar unha moto vermella; despois cheguei a Vigo e fíxenme galega. Ensinei bioloxía no IES Castelao de Vigo, e Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. En 2017 ingresei na Real Academia Galega, cun discurso sobre Voces termando da paisaxe galega.
Hai quen pensa que as escritoras levamos unha vida aventureira, pero eu non viaxei en trineo polo Ártico, aínda que confío en facelo algún día. Mentres tanto escribo poemas, contos e novelas.
Aprendín a escribir –ademais de lendo vorazmente – redactando panfletos e artigos para revistas de partidos clandestinos (todos, cando eu estudaba). O primeiro relato que escribín, un conto sobre vampiros, foi o xérmolo de «Agardando polos morcegos», mais tardei en publicar A formiga coxa. Despois viñeron, A expedición do Pacífico (Premio Merlín e da Crítica de Galicia 1995) alternando con narrativa para adultos, como Lobos nas illas (Xerais 1996, en castelán Lumen 2001) ou O Coitelo en Novembro (Xerais, 2010). A Banda sen futuro recibiu o premio Lazarillo de novela xuvenil en 1999 e o premio Lecturas, e A Cabeza de Medusa o premio Fundación Caixa Galicia. Comecei a escribir poesía máis tarde, desde Catálogo de velenos (Premio Esquío, 1998), a Desescribindo (Apiario, 2016).
Son unha viaxeira impenitente, e convén lembrar o proverbio árabe, non hai que confiar nos viaxeiros pois contan moitas mentiras.